RUTA DO OURO E O ACEITE: MONTEFURADO-BENDILLÓ

PERCORRIDO APROXIMADO: 7 km
DIFICULTADE: media
TEMPO ESTIMADO: 3 horas

A localidade de Montefurado, no municipio de Quiroga, é coñecida ante todo polo espectacular túnel escavado polos romanos na Pena do Corvo para explotar o ouro do Sil. No entanto, dende o punto de vista histórico, non son menos importantes as pequenas medulas e a rede de galerías que deixaron na zona as actividades mineiras realizadas na antigüidade. En Montefurado foi preciso desviar a canle do río Sil nun tramo de tres quilómetros para atacar os grandes aluvións auríferos da zona.
Estes depósitos foron estriados e lavados completamente mediante un complexo sistema de canles e galerías subterráneas nas que se introducían grandes cantidades de auga, para erosionar e derruír os aluvións que gardaban o ouro. Destas galerías aínda hoxe se poden ver algunhas en determinadas zonas da explotación, ata no interior de varias vivendas situadas na fronte e parte superior do aluvión, e que hoxe son utilizadas como apreciadas adegas para gardar o viño. Tras a explotación masiva do aluvión, só quedaban sobre o terreo o lodo e os cantos rodados ou estériles. A acumulación destes materiais de refugallo orixinou estes peculiares conos ou medulas que hoxe forman parte da actual paisaxe da aldea de Montefurado.
O elemento máis impresionante do antigo conxunto mineiro de Montefurado é, sen dúbida, o famoso túnel perforado na rocha para desviar o curso do Sil e sen beneficiarse dos aluvións. Mide 75 metros de lonxitude, 19 de ancho e 17 de alto. A obra foi realizada ao parecer no século II, en tempos do emperador Traxano. Para visitarmos o túnel hai que tomar unha pista asfaltada, sinalizada á saída de Montefurado, que nos leva directamente ata esta obra monumental. O túnel atópase a 1,5 quilómetros desta localidade. Tamén hai que destacar a igrexa parroquial de san Miguel de Montefurado, un edificio de cantería con planta de cruz latina e que sobresae polas súas grandes dimensións.
● Ruta do aceite. Nas terras de Quiroga e na cunca do río Sil, fanse patentes as peculiaridades bioclimáticas que permiten o cultivo da oliva. Nas últimas décadas decaeu considerablemente a súa produción, aínda que na actualidade trátase de recuperar vellos oliveirais e crear novas plantacións de oliveiras nas localidades de Montefurado, Bendollo e Bendilló, onde tamén se atopan as plantacións máis extensas de oliveiras. A elaboración do aceite séguese facendo ao estilo tradicional polos olivareiros de Quiroga. A produción artesanal hoxe en día é moi baixa, apenas unhas decenas de litros. Noutros tempos, algúns veciños chegaban a producir ata 500 litros de aceite ao ano, o que supuña importantes ingresos para a economía familiar. Destes artesanais muíños, xa só dous producen aceite de forma regular. Un atópase na aldea de Bendollo e o outro, restaurado en boa parte, nas proximidades de Bendilló. Neste último muíño celébrase anualmente a Mostra do Aceite e atópase preto da chamada capela das Farrapas. O muíño e a capela das Farrapas están ao bordo da estrada que leva a Bendilló desde a N-120 e dista 7 quilómetros de Quiroga e 5 de Montefurado.




No hay comentarios:

Publicar un comentario