RUTA DA ENCOMENDA: OS NOVAES-A ERMIDA

PERCORRIDO APROXIMADO: 5 km
DIFICULTADE: baixa
TEMPO ESTIMADO: 2 horas

A ruta da Encomenda discorre entre o castelo de Torrenovaes e a aldea da Ermida, os dous centros administrativos dun antigo territorio que foi gobernado durante séculos polos monxes e cabaleiros da Orde de Malta. O itinerario forma parte do que foi en tempos un camiño real e posúe unha gran riqueza cultural e histórica. No seu percorrido, o visitante pode admirar vestixios históricos de moi diversas épocas (desde o Imperio Romano ata o século XIX) e espectaculares vistas do río Sil e o val de Quiroga.
O inicio da ruta atópase no castelo medieval de Torrenovaes, situado na cima dunha lomba na que tamén existen vestixios (algúns restos de foxos e muros defensivos) dun asentamento da época castrexa.
O camiño atravesa a aldea do Castelo e descende ata o regato do mesmo nome, situado a uns 300 metros, atravesándoo por unha ponte de fabricación medieval construída en pedra de cachotería do país. Ao cruzarmos a canle, comeza un ascenso suave por un vello camiño labrado na rocha viva. A vexetación nesta paraxe é de tipo mediterráneo, con predominio de aciñeiras, sobreirais e acacias. Uns 250 metros logo de cruzarmos o regato do Castelo, éntrase nunha zona onde veremos numerosos cantos rodados que proceden dunha explotación aurífera romana.
No quilómetro 1,7 hai que saír á estrada que leva ao lugar de Castro Mouco. Para enlazarmos co camiño antigo hai que camiñar polo asfalto uns cen metros, en sentido descendente. Continuamos polo camiño principal ata chegar á aldea de Caspedro. Ata aquí levamos percorridos 2,1 km. No centro da aldea o camiño bifúrcase. Hai que tomar o ramal da dereita ata San Xulián de Arriba, situada a 200 metros. Seguimos de fronte, sen desviármonos, ata chegar ao Hospital, a 900 metros, onde se atopa un dos conxuntos arquitectónicos máis relevantes de Quiroga. 

Ao entrarmos no Hospital veremos á nosa esquerda a casa de Tor, cuxas orixes se remontan ao século XVI. A escasos metros está a casa da Encomenda, tamén coñecida como casa da Condesa. Á beira temos a igrexa de san Salvador e a capela de san Xoán. Esta última é unha xoia prerrománica do século X. Unha vez visitado este conxunto histórico, situarémonos de novo no cruzamento, á beira da casa de Tor, e seguiremos de fronte sen desviármonos. A nosa próxima parada está a 100 metros, na casa de Carballedo.
Máis adiante, no quilómetro 3,7 da ruta, o camiño sae á estrada que conduce a Vilañán. Na Bergaza hai que seguir polo camiño que aparece á esquerda, á altura dun tanque de auga. Agora tócanos subir unha pendente por espazo duns 400 metros ata chegarmos á Ermida. Antes debemos pasar por un cruzamento de pistas: a da dereita leva a Arxubín e continuamos pola da esquerda ata saírmos á estrada que conduce a Folgoso do Caurel. Ata aquí levamos percorridos 5,7 quilómetros. Camiñamos pola estrada durante 200 metros, en dirección a Quiroga, e a continuación temos que torcer á esquerda para entrar na Ermida. Alí podemos visitar a igrexa de santa María da Ermida, do século XVII. No seu altar maior foi atopado no século XIX unha das pezas de arte paleocristiá máis importantes de Galicia, o Crismón de Quiroga. Aquí termina a ruta.



Ver Ruta da Encomenda en un mapa más grande

No hay comentarios:

Publicar un comentario