RUTA SUR DO CAMIÑO DE SANTIAGO OU CAMIÑO DE INVERNO AO SEU PASO POR QUIROGA


PERCORRIDO APROXIMADO: 35,5 km
DIFICULTADE: media/alta
TEMPO ESTIMADO: 8 horas


Unha das entradas do Camiño de Inverno nas terras lucenses é a que despois de deixar a vía romana XVIII, na Rúa de Valdeorras, segue o curso do río Sil para entrar nas terras do val de Quiroga seguindo unha antiga vía romana secundaria que nalgúns treitos aparece ocupada por vías de comunicación modernas. O camiño entra superposto á estrada 533 e pasa entre as casas da aldea dos Albaredos, límite coa provincia de Ourense, deixando á dereita un muíño de aceite aínda en funcionamento. Para evitarmos o asfalto, poderemos iniciar a andaina no lugar de San Martiño, aldea que conserva magníficos exemplos da arquitectura popular á que se accede dende a estrada N-120, e seguir ata A Fraga Furada onde se xunta co Camiño de Santiago. A altura pola que discorre sobre un cantil permítenos facer un percorrido espectacular, moi próximo ao Camiño, dende o que se observa o río Sil, a estrada N-120 e a vía do tren, ademais dunha frondosa vexetación de connotacións mediterráneas.
Calquera dos dous treitos, ben dende Os Albaredos ou ben dende San Martiño, lévanos a Montefurado, onde podemos contemplar o espectacular túnel escavado polos romanos para desviar o curso normal da auga e extraer o ouro que arrastra, dándolle o nome igual que á aldea que atravesamos que conserva a fonda pegada da arquitectura tradicional. Tamén podemos atopar aquí a igrexa parroquial de san Miguel, construída a mediados do século XVIII. Dende Montefurado iniciamos a subida en medio das arxilas avermelladas que os romanos explotaron para obter o ouro que contiñan explotando estas minas a ceo aberto e que aínda hoxe conservan moitos dos seus primitivos elementos. Subimos ata o lugar do Ermidón, entre árbores froiteiras e oliveiras, para cruzarmos despois unha zona de soutos e viñedos e chegarmos ás aldeas abandonadas da Venda Vella e a Venda Nova. Baixamos despois ata capela das Farrapas, denominación que é posible que faga referencia ao lugar en que os camiñantes se desfacían dos seus farrapos, onde podemos atopar tamén  un muíño de aceite en funcionamento. 
Aquí o camiño vello pérdese baixo as modernas vías de comunicación e tomamos como alternativa a ruta que nos leva ata o lugar de Bendilló, pasamos ao carón da súa igrexa parroquial e entre oliveiras iniciamos unha pronunciada baixada ata a beira da estrada N-120. Segue unha corta subida ata a estrada local que conduce a Bendollo dende onde baixamos cara ao lugar de Ponte Soldón para dirixírmonos pola beira da estrada nacional á aldea de Sequeiros. Estes dous pequenos núcleos rurais, asentados na ribeira do río Sil, conservan todo o sabor da arquitectura popular da zona. Dende aquí, cruzando por un túnel baixo a N-120, iniciamos o ascenso que nos leva ata a aldeas dos Novaes e O Castelo, onde se atopan os restos do castelo de Torrenovaes. Aquí tiveron a súa primeira residencia no século XIII os comendadores da Orde de san Xoán de Malta, que tiñan entre outros cometidos o de asistiren os peregrinos que percorrían este camiño. 
Aínda que o conxunto está en ruínas podemos ver sobre o arco de acceso ao pazo da Encomenda a Cruz de Malta. O camiño continúa coa baixada ao regato do Castelo e atravesa por unha ponte de pedra dun só arco e forte sabor medieval para dirixirse á aldea de Caspedro, próxima á casa de Outeiro, fundada a principios do século XVI por Gonzalo Fernández de Quiroga. Nesta vila hai unha fonte coa inscrición: “Caminante bebe y apaga tu sed”. Dende aquí o camiño segue polo Pazo Vello ata Quiroga. No entanto, a máis antiga das alternativas da ruta iría dende Caspedro a San Xulián de Arriba e polas casas da Carballeira ata  O Hospital, que foi priorado da Orde de san Xoán de Malta e que toma o seu nome da existencia neste lugar dun hospital para peregrinos. Aquí atopouse a acta de defunción dun peregrino que se dirixía a Compostela. 
O segundo paso desta alternativa é a Bergaza, aldea á que se accedería primitivamente pola desaparecida ponte Pedriña que permitía cruzar o río Quiroga. Atravesamos este lugar para dirixírmonos cara á Ermida polo alto de San Roque. Neste punto os primitivos cristiáns galegos levantaron sobre un asentamento castrexo a igrexa da parroquia da Ermida dedicada á Nosa Señora dos Remedios. O camiño que baixa pola zona coñecida como Regueiral, déixanos novamente na vila de Quiroga. O camiño sae de Quiroga polo barrio da Patrona para continuar pola beira dereita do río Sil atravesando as localidades da Robleda, Espandariz e, despois de pasar mos baixo a estrada N-120, O Pontido e Nocedo. Dende San Lourenzo de Nocedo o camiño inicia unha suave subida cara á montaña do Lor rodeado de piñeiros e con vistas do val do Sil cara á dereita, pola antiga estrada que conducía a Monforte ata o lugar onde se atopan as ruínas do lugar coñecido como O Cereixal, de onde parte unha pista forestal que nos levará a atravesar o cordal da serra do Aldriz cara ao val do río Lor. 
Unha vez cambiamos de val, a ruta baixa suavemente cara a Riomaior e chega primeiro á ermida dos Remedios e logo ao Carballo de Lor, cabeceira da parroquia de Quintá de Lor. Esta foi unha aldea con bastante movemento dentro da ruta e, testemuña deste movemento que tivo, foi a existencia dun mesón onde repousarían homes e animais. Aínda hoxe se poden contemplar as argolas nas que se amarraban as bestas na fachada da construción que ocupou. Dende aquí a baixada continúa pola Trampilla e O Xanelo ata Barxa de Lor, lugar de emprazamento da ponte medieval pola que se atravesa o río Lor de cara á Pobra do Brollón e Monforte. Esta ponte, que aparece en todos os mapas dende o século XVI, ten pegada unha casa que nos seus tempos facía as funcións de pousada e, moi probablemente, era o lugar onde se cobraban os dereitos por atravesar a ponte.


No hay comentarios:

Publicar un comentario