RUTA DA FONTE DO CAL A CEREIXIDO


É CONVENIENTE SELECCIONAR AS RUTAS QUE SE VAIAN REALIZAR EN FUNCIÓN DA PREPARACIÓN E O NIVEL DE CADA PERSOA.

Percorrido aproximado: 1,60 km
Dificultade: media
Tempo estimado: 20 minutos

O SOUTO DA CALEIRA

A ruta discorre por parte do coñecido como o souto da Caleira que debe o seu nome á caleira ou forno de cal que podemos atopar no seu interior.
Neste contorno somos testemuñas das fermosas paisaxes que estas plantacións tradicionais de castiñeiros poden formar, sen deixarmos pasar por alto como a man do home os foi transformando para a obtención da castaña, conseguindo mediante o “demoucado”, ou derramado das copas, a axeitada renovación das pólas que permita manter a produción deste froito.

A GRANDES MALES...

A fisiografía abrupta desta comarca presenta dificultades á hora da recolección manual das castañas, especialmente en determinadas zonas ao redor dos cursos fluviais como a que nos ocupa, onde as pendentes se ven acentuadas.
O enxeño popular resolveu o inconveniente cunha demostración de sinxeleza práctica, consistente na colocación dunha serie de obstáculos a base de elementos de madeira (táboas habitualmente) fixadas ao chan mediante chantas, que impiden que os froitos da árbore se perdan no fondo da ladeira. Ademais disto, permite a súa acumulación na situación da estrutura, o que aumenta enormemente os rendementos da recolección.

A CASA DA SANTA

Trátase dunha pequena construción, na actualidade completamente arruinada, dedicada a santa María Madalena. Esta edificación responde ás características típicas das pequenas desta zona: pequena planta rectangular dunha soa nave, cuberta con teitume a dúas vertentes e cunha prolongación do tellado sobre a porta da entrada. A parede que separa o saínte do tellado do interior, ademais de ser o lugar ocupado pola imaxe da Santa no centro, non era maciza, normalmente estaba composta de barrotes verticais que permitían contemplar o interior ao formaren unha especie de celosía.
Noutro tempo os veciños, aínda que a construción queda afastada da aldea, baixaban a celebrar a festa no seu contorno. Por ser todo este lugar máis baixo e soleado que o emprazamento que ocupa actualmente Cereixido, é posible que a orixe desta localidade estivera no contorno da casa da Santa e o souto da Caleira.

CURIOSOS ENTERRAMENTOS

Outro elemento con valor cultural e relixioso presente na zona son unha serie de escavacións feitas na rocha. Trátanse de enterramentos con forma humana (“antropomorfos”) situados na contorna da capela.

O FORNO DE CAL DE CEREIXIDO

Atopamos no percorrido pola ruta un dos múltiples fornos empregados antigamente para a obtención de cal a partir de pedra calcaria presente na zona, formando parte dunha pequena industria caleira establecida no concello de Quiroga. Ao lado podemos encontrar un panel explicativo con información sobre o forno e os procesos que nel se levaban a cabo.

O MUÍÑO FARIÑEIRO DE CEREIXIDO

No último tramo da ruta, onde o percorrido cambia a súa dirección sur pola noroeste, camiño da aldea de Cereixido, atopamos un antigo muíño fariñeiro. Estas contrucións de uso agrario aproveitaban a forza dos ríos ou regatos mediante unha roda provista dun número determinado de culleres sobre as que impactaba a auga habitualmente encamiñada por unha canalización de forte pendente, facendo xirar o mecanismo.

OS ARREDORES DA ALDEA DE CEREIXIDO

Como punto final da ruta atopamos a aldea de Cereixido. Este pequeno núcleo de poboación de escasos habitantes forma un fermoso enclave rural, onde podemos atopar curiosas corredoiras e contrucións populares de singular beleza. Entre os elementos de valor patrimonial que compoñen este contorno destácanse a igrexa parroquial e un teixo catalogado como árbore senlleira.
A igrexa de Cereixido é un edificio do último terzo do século XVIII con nave rectangular e teitume de madeira a catro vertentes. Dispón dunha pía bautismal dese mesmo século, no baptisterio con bóveda de canón. O retablo maior é de arte rococó, sendo os laterais neoclásicos, todos do século XVIII. Conta con diversas esculturas, entre elas, as de san Pedro, santa Catarina, Nosa Señora do Rosario, santo Antón de Padua, a Madalena e un cristo tamén do século XVIII.
Ao carón da porta que dá acceso ao adro aparece un gran teixo ao que se lle estima unha idade de máis de 100 anos. Cun perímetro basal de 7,80 m e case 14 m de altura, podemos achegar como curiosidade desta árbore senlleira que o seu enorme tronco está dividido en dúas partes como consecuencia da caída dun raio.
O contorno do teixo e do recinto eclesiástico está dominado pola matogueira, que cobre e enverdece palmo a palmo o lugar, e por unha masa de especies arbóreas madeireiras e froiteiras, con dominancia de castiñeiros, cerdeiras, nogueiras, pereiras e maceiras. A ninguén se lle escapa que as cerdeiras, que medran por todas as partes, fan honor e xustifican a toponimia local.

No hay comentarios:

Publicar un comentario