RUTA DE CAMPOS DE VILA-CASA DO VELLO-CAMPOS DE VILA

PERCORRIDO APROXIMADO: 14,6 km
DIFICULTADE: baixa/media
TEMPO ESTIMADO: 5 horas

Esta ruta de sendeirismo circular, de algo máis de 14 quilómetros, permite coñecer un bo número de singulares paraxes na contorna dos ríos de Pacios e Quiroga. Unha antiga ferrería, un pedregal de orixe glaciar, notables exemplares de arquitectura popular e unha variada vexetación, onde se combinan as influencias dos climas atlántico e mediterráneo, son algúns dos atractivos deste itinerario. O percorrido empeza na aldea de Campos de Vila. Logo de cruzar o lugar aparece unha bifurcación. Tomamos o camiño da dereita para saírmos á estrada que vai de Campos de Vila a Penas Rubias e Pacios da Serra. Desviámonos á esquerda pola estrada en dirección a Pacios da Serra.
Seguimos o noso percorrido pola estrada. Esta empeza a tomar altura de forma progresiva, pero sen chegar a ser excesiva. A próxima parada será aos 4,6 quilómetros, concretamente á altura dunha pista de terra que arrinca á dereita da estrada e pola que temos que desviarnos.
Antes de tomarmos este desvío tamén temos a opción de visitar a aldea abandonada de Barxas, un extenso pedregal orixinado hai miles de anos por un antigo glaciar e a maior concentración de érbedos de toda a comarca. Para iso seguiremos andando pola estrada durante un quilómetro máis. Unha pista de terra que sae á dereita da estrada permitiranos acceder á devandita aldea. Se non nos decidimos por esta alternativa, tomamos o desvío anterior para baixarmos ao regato de Pacios. Vemos os primeiros érbedos, pasamos á beira dunha gran sobreira e unha alvariza repleta de colmeas. Nesta zona a vexetación predominante son as acacias,  as breixeiras e os érbedos. Cruzamos o regato de Pacios por unha ponte dos Barreiriños. Uns 300 metros máis adiante chegamos á altura do río Quiroga, onde nos atopamos cunha bifurcación. Tomaremos o ramal da esquerda para visitarmos a aldea de Casa do Vello, situada a dous quilómetros deste desvío.
O tramo do camiño que nos leva a Casa do Vello corre paralelo ao río Quiroga. Casa do Vello conserva curiosas mostras de arquitectura popular na maioría das súas vivendas, que posúen vistosos e amplos corredores e balcóns de madeira. Deixamos a aldea e retornamos ao desvío anterior. Cruzamos o río Quiroga pola ponte chamada do Chao do Toxo e, ao chegarmos a este punto, levamos percorridos 10 quilómetros. Viramos á dereita en dirección á ferrería da Rodela, a nosa próxima parada, que se atopa a 3,2 quilómetros deste lugar. A ferrería da Rodela aínda ofrece un aspecto impresionante. Alí pode verse unha gran casa onde viviron os donos da factoría, un edificio que conserva aínda un aire de grandeza cos seus sólidos muros e os seus balcóns de ferro forxado.



1 comentario:

  1. Estimados sres:

    Querríamos preguntarles el estado de esta ruta, si está transitable y si está señalizada con marcas de pintura o de otro tipo.

    Muchas gracias
    Alejandro González
    Club Excursionista Acivro
    Tf. 626948966
    e-mail: alexinas11@gmail.com

    ResponderEliminar