RUTA DE RUGANDO Á SEARA

PERCORRIDO APROXIMADO: 19 km
DIFICULTADE: media/alta
TEMPO ESTIMADO: 6 horas


ATENCIÓN!: Este é un sendeiro que discorre na súa meirande parte pola montaña e non sempre está nas mellores condicións.

É CONVENIENTE SELECCIONAR AS RUTAS QUE SE VAIAN REALIZAR EN FUNCIÓN DA PREPARACIÓN FÍSICA E O NIVEL DE CADA PERSOA.
Estase traballando nesta ruta para mellorar a sinalización e a limpeza.
 
Esta ruta discorre polo único camiño -antes de que se construísen as novas pistas e estradas- que comunicaba as aldeas situadas na cunca do río Soldón. Noutros tempos foi moi utilizado para transportar o mineral de ferro extraído dos xacementos do monte Formigueiros cara ás ferrerías do Mazo do Soldón, Outeiro e Rugando.

Primeira etapa: Rugando-Outeiro (11 km)
A ruta comeza na aldea de Rugando xusto á beira do antigo edificio, hoxe restaurado para turismo rural, que formou parte das dependencias dunha ferrería. Hai que cruzar o río Soldón e camiñar pola estrada durante 500 metros ata chegar ao cruzamento para Vilarmel e Cereixido. Viramos á esquerda e na primeira curva, a 200 metros, aparece á esquerda da estrada un carreiro polo que hai que desviarse.
Ao comezarmos o camiño, veremos á esquerda outro desvío que leva ao momento de confluencia dos ríos Vilarmel e Soldón. Seguimos polo carreiro principal, que no primeiro quilómetro corre paralelo ao río Vilarmel, a bastante altura sobre a canle. No último quilómetro antes de chegarmos a Vilarmel, o carreiro atravesa un espeso bosque de castiñeiros que rodea o lugar. A aldea de Vilarmel, que conserva interesantes exemplos de arquitectura popular, caracterízase pola calidade da súa tradicional produción apícola, favorecida pola variada flora existente na zona. Nada máis saír da aldea chégase ao río Vilarmel, logo de percorrermos 400 metros. Axiña habemos cruzar o río, o camiño principal inicia unha leve subida durante 2 quilómetros para planear, a continuación, ata a altura do regato do Caroceiro. Logo de  atravesalo por unhas pedras, hai un estreito carreiro á dereita para visitarmos a fervenza do Caroceiro que, cunha caída de 35 metros, é unha das máis altas desta zona. Na súa contorna, particularmente sombrío e húmido, crece un pequeno e frondoso bosque autóctono no que conviven varias especies: acivro, bidueiro, castaño, carballo, salgueiro... Ata aquí percorréronse 8 quilómetros.
Tras visitarmos a fervenza reiniciamos a camiñada. Ao pasarmos o regato de Recheín -que se cruza pisando unhas laxas- a vexetación dá un cambio radical. Entramos no souto de Outeiro, considerado como un dos bosques de castiñeiros máis extensos do Caurel. Un quilómetro máis de camiñada e sáese a un cruzamento de camiños. Hai que tomar o ramal da esquerda para cruzarmos o río Soldón a través dunha ponte de formigón que dá acceso á aldea de Outeiro, onde termina a primeira etapa, cuxo percorrido en total foi de 11 quilómetros, cunha dificultade baixa.

Segunda etapa: Outeiro-A Seara (8 km)
A aldea de Outeiro, antigo señorío da Orde monástico-militar de san Xoán de Xerusalén, é unha das máis peculiares da montaña de Quiroga. As vivendas da aldea, moi amontoadas, descolgan os seus balcóns e galerías de madeira sobre unha ladeira empinada. A tipoloxía tradicional das súas construcións confire un aire case medieval á localidade.
O inicio da seguinte etapa é no mesmo punto onde se deixou o cruzamento de camiños, á beira da ponte que cruza o río Soldón. Á súa altura e á beira do río aínda poden verse os restos da antiga factoría de ferro local e o edificio da vella central eléctrica. Nada máis saír ao camiño principal hai que virar á esquerda. No primeiro quilómetro, o camiño atravesa un bosque de castiñeiros onde tamén crecen algúns freixos e chopos. No quilómetro 2,5 chégase á antiga ferrería do Mazo. Aquí o carreiro bifúrcase: o ramal da dereita vai ás devesas do Cervo, Mazales e Montouto e o da esquerda conduce á aldea do Mazo. Hai que seguir por este último. Pasamos por entre unhas vellas construcións pertencentes á ferrería e cruzamos, seguidamente, o río Montouto pola ponte chamada da Ferrería. Logo dun quilómetro máis de camiñada chégase á única vivenda que forma a aldea do Mazo. Nada máis pasarmos este edificio, hai que cruzar o río Soldón por unha ponte e virar despois á esquerda por unha pista que sobe en dirección á estrada. Aos 50 metros, tórcese á dereita polo antigo camiño que leva ata O Soldón da Seara, ao que se chega unha vez percorridos 700 metros.
Agora hai que subir por un bosque de castiñeiros ata a estrada, onde se atopa a aldea do Soldón, e camiñar por ela 50 metros, en dirección á Seara, para retomarmos de novo o antigo camiño que parte á dereita da estrada. Camiñamos durante 600 metros ata chegar a unha bifurcación: o camiño da dereita leva ata o lugar das Lastras, unha vez cruzado o río Soldón, e nós debemos ir polo da esquerda. Pásase polas Penelas e o lugar do Caleiro, aquí quedan os restos dun forno de cal. A ruta bordea a cova de Palleiros e inicia unha curta subida ata o alto da Golada e, a continuación, sae á estrada que conduce á Seara polo lugar do Prado de Pereiro. Só restan 1,5 quilómetros máis de camiñada, polo asfalto, para chegar á Seara, final da ruta.



5 comentarios:

  1. Soy el presidente del Club Excursionista Acivro de Lugo. En nuestro programa de actividades para este año teníamos previsto realizar esta ruta, pero según he podido comprobar hace unos meses, no está limpia ni tampoco está señalizada a pesar de estar publicitada y de haber un cartel indicador a la entrada del pueblo de Rugando. Por ello ruego que se indique si se va a limpiar y a reseñalizar o, en caso contrario, que se elimine de este blog y se deje de publicitar.
    Un saludo
    Alejandro González
    Club Acivro
    Tf. 626948966
    e-mail: alexinas11@gmail.com

    ResponderEliminar
  2. Treito entre Rugando e Outeiro, en malas condicións debido a acumulación de maleza. Pódese pasar aínda que con bastantes dificultades. Na actualidade é recomendable empezar esta ruta no lugar de Outeiro para continuar ata a Ferrería do Mazo, o lugar de O Mazo, o Soldón e a Seara (o Mazo a Seara pola estrada), o camiño fai moitos anos que está cortado en varios puntos pola propia estrada.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. O sábado 23 realicei a rota entre Rugando e O Caroceiro. Ata Vilarmel está limpa aínda que nom sinalizada. Nalgúns lugares atopanse marcas de PR, pero notase que som velhas.

    A saída de Vilarmel, preguntei a um paisano polo caminho. A Altura das vinhas hai que tirar de fronte por um sendeiro moito pechado de vegetaçom ata que ganhando altura a situaçom melhora um chisco. Logo imos bordeando a ladeira atopandonos ás alturas dos carrozos máis vegetaçom pero podendo pasar sem grandes atrancos.

    De todos os xeitos, estaría perfecto sinaliza-la correctamente e limpala.

    ResponderEliminar
  4. Ola, eu fixen esta ruta a finais de 2011 e despóis de Vilarmel o camiño estaba pechado. Tivemos que cruzar a través de importante vexetación e perdemos unha hora nun curto tramo. Só chegamos á metade do camiño entre Rugando e Cruz de Outeiro porque logo se facía de noite. Gustaríame volver pronto a face-la ruta completa, polo que estaría ben que se limpase e sinalizase axeitadamente, xa que me parece unha ruta fascinante cunhas vistas espectaculares. Saúdos

    ResponderEliminar
  5. Hola, primero disculparme porque no escribo en gallego.... Tengo casa en Outeiro y este verano hemos seguido la ruta desde la aldea hasta "a ponte do Mazo", el camino esta totalmente despejado (camino para abuelas según mi marido); la ruta de Outeiro hasta Vilarmiel y Rugando me dijeron que el ayuntamiento de Quiroga la había limpiado y se podía hacer sin problemas... ya os dire el próximo verano porque pensamos hacerla.
    Desde aquí me gustaría hacer una invitación a los "ruteros" para que visiten Outeiro... unos cuantos "colgados" estamos intentando recuperar lo que podemos (hace 2 años se arreglo la caseta del rio que hacia de central eléctrica cuando yo era pequeña) y buscamos gente que le guste la zona para organizar actividades como señalizar rutas que no lo están.....
    Alguien se apunta????

    ResponderEliminar