RUTA DA DEVESA DO CERVO

PERCORRIDO APROXIMADO: 5 km
DIFICULTADE: baixa/media
TEMPO ESTIMADO: 3 horas


ATENCIÓN!: Este é un sendeiro que discorre na súa meirande parte pola montaña e non sempre se atopa nas mellores condicións.

É CONVENIENTE SELECCIONAR AS RUTAS QUE SE VAIAN REALIZAR EN FUNCIÓN DA PREPARACIÓN FÍSICA E O NIVEL DE CADA PERSOA.

Na aldea do Mazo, pertencente ao municipio de Quiroga, comeza unha ruta de sendeirismo que permite visitar nun só percorrido tres das principais devesas ou bosques autóctonos da serra do Caurel. O itinerario pasa polos bosques do Cervo, Montouto e Mazales a través dunha espectacular contorna paisaxística. Nas proximidades tamén se poden visitar as ruínas da ferrería do Mazo, unha antiga fábrica artesanal de ferro cuxa historia se remonta ao século XVII.
A ruta, que conduce ás devesas do Cervo, Montouto e Mazales, comeza na aldea do Mazo. A esta aldea accédese por unha pista asfaltada, que arrinca á dereita da estrada que leva da Cruz de Outeiro á Seara, en terras do municipio de Quiroga. A camiñada comeza á altura das casas do Mazo, nada máis cruzar o río Soldón, e seguindo o camiño que corre paralelo á canle do río pola súa marxe esquerda. Aos 300 metros, o camiño bifúrcase. O da dereita pasa pola ferrería do Mazo para saír a Outeiro. O desvío da esquerda, que é o que tomaremos, será o que nos leve ata as devesas.
Atravesamos un souto de castiñeiros e viramos á esquerda para empezar a descender dirección ao regato de Montouto, que se cruza por unha vella ponte de madeira logo de percorrermos 1,3 quilómetros. Aquí o camiño bifúrcase, o da dereita sae á ferrería do Mazo, e desviámonos polo da esquerda en dirección á devesa de Montouto na que penetramos aos poucos metros.
Ao internármonos na devesa de Montouto, a vexetación aumenta paulatinamente a medida que se avanza e obsérvanse numerosos exemplares de cancereixos, abeleiras, bidueiros, ameneiros, érbedos, diversas variedades de carballo...
O carreiro segue ascendendo suavemente durante un quilómetro. Merece a pena seguir un pouco o curso do río para observarmos a paisaxe virxe das súas marxes e as pequenas fervenzas, rápidos e pozas que a canle vai creando no escarpado terreo. Bordeamos a devesa de Mazales e cruzamos de novo o río Montouto por unhas pedras. A continuación o ascenso faise máis pronunciado e agora o carreiro entra na devesa do Cervo, onde se pode admirar un gran número de carballos centenarios. Uns metros antes de cruzarmos o río do Cervo temos un desvío á dereita que nos leva a unhas impresionantes fervenzas, duns 25 metros de altura, que esta canle crea antes de desembocar no Montouto. Cruzamos despois o regato do Cervo por unha ponte de madeira e seguimos o ascenso por unha das mellores carballeiras da zona. O percorrido pola devesa do Cervo lévanos de novo á de Montouto. A transición entre estes dous bosques apenas se nota, xa que ambas as masas arbóreas están practicamente unidas. Outra vez hai que cruzar o río Montouto, nun punto onde se atopa moi preto do seu nacemento. A partir deste punto, o carreiro faise menos transitable por mor da súa estreiteza. Xa só nos queda chegar ás cabanas de Montouto, situadas a uns 200 metros. Estas construcións eran utilizadas polos veciños de Outeiro durante a tempada de pastoreo e pasaban nelas quince ou vinte días ao mes. A partir de aquí, o camiño atópase totalmente pechado. Noutro tempo permitía ascender ao cume do Montouto e chegar ata o Bierzo
.



Ver Ruta da devesa do Cervo en un mapa más grande

5 comentarios:

  1. Soy el presidente del Club Excursionista Acivro de Lugo. Según he podido comprobar hace unos meses, no está limpia (muchas dificultades, vegetación cerrada, árboles caídos que impiden el paso...) ni tampoco está señalizada a pesar de estar publicitada . Por ello ruego que se indique si se va a limpiar y a reseñalizar o, en caso contrario, que se elimine de este blog y se deje de publicitar.
    Un saludo
    Alejandro González
    Club Acivro
    Tf. 626948966
    e-mail: alexinas11@gmail.com

    ResponderEliminar
  2. Na actualidade atópase perfectamente transitable (29/12/2009), rematáronse as tarefas de limpeza do camiño que atravesa a Devesa do Cervo ata a pista de terra na zona de Mazales hai un mes. En canto a sinalización: este traxecto aparece marcado cos sinais homologados (liñas branca e amarela)en varios puntos do seu percorrido.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, fixen a ruta en maio deste ano e está ben acondicionada, mesmo pasando as Cabanas de Montouto ata unha pista forestal que hai máis arriba. Saúdos!

      Eliminar
  4. PD: Á volta, despóis de percorrer uns dous tercios do camiño, pódese seguir de fronte cara a Ferrería de O Mazo e, dende alí, volver á aldea de O Mazo. O camiño está limpo.

    ResponderEliminar